Manifesto unitario:
A través dun proceso de diálogo, debate e deliberación asemblearia,
diferentes axentes estudantís que actúan en Galiza en defensa dun ensino
para as clases populares, analizamos a necesidade de convocar unha
folga estudantil no noso país.
Recortes, miseria e a cada vez máis falta de expectativas que as
estudantes temos de cara ó noso futuro, son os motivos que nos levan a
ter que saír á rúa e mobilizarnos para parar os ataques que dende os
gobernos do Partido Popular en Madrid e na Xunta se levan a cabo contra o
ensino público. Queremos reivindicar dende o local até o nacional,
visibilizando e socializando entre as nosas compañeiras problemáticas
que nos afectan no noso día a día nos centros de estudo, pero que veñen
ditadas dende moi lonxe por poderes completamente antidemocráticos.
Queremos unha xornada de folga na que cunha soa voz berremos contra
os recortes na educación, contra a masificación das aulas, contra a
precarización da situación laboral do profesorado e contra que a
universidade sexa cada vez máis un servizo que moi poucas podemos pagar.
Opoñémonos xuntas a que nos quiten as bolsas, a que
endurezan os requisitos para obtelas mentres recortan e deixan a campus e
institutos en situacións dramáticas, cunhas infraestruturas
avellentadas e cun profesorado que cada vez é menos e cunhas condicións
de traballo máis duras.
Contra un ensino que cada vez nos custa máis pagar ás clases populares e cunha calidade cada vez menor,
reivindicamos un ensino público e gratuíto.
Reivindicamos o común como algo a defender de xeito colectivo por
todas as estudantes e polos milleiros que xa non o son porque non
tiveron a oportunidade de acceder a unha bolsa.
Apostamos por liscar das aulas ao patriarcado,e por iso nos opoñemos a
un goberno que fomenta con sumas indecentes de cartos aos colexios que
segregan por sexos.
Reivindicamos un ensino que nos eduque en igualdade,
que sirva de motor para unha mudanza de valores que axuden a extinguir a
opresión sobre as mulleres. Mentres eles impoñen relixión, negación do
corpo e de nós mesmas e perpetuación de vellos valores, nós loitamos por
unha educación en igualdade que nos axude a construír novas relacións.
O número de falantes da nosa lingua é cada vez menor,
quedando reducido a 1 de cada 4 persoas que falan só galego entre os 9 e
os 15 anos. O galego está a sufrir a súa peor crise da historia mentres
o goberno autonómico se parabeniza pola harmonía e o bilingüismo
imperante na nosa terra. Así, no ensino medio cada vez ensínase menos en
galego e fálase de ridículos e insultantes decretos cos que imos
rematar sabendo falar mal tres linguas. O idioma está en perigo, tanto
no ensino como na sociedade, e nós, como estudantes galegas,
reivindicamos un ensino monolingüe, no que se nos ensine a nosa historia
e non se perda o noso pasado colectivo.
Por todo isto,
as organizacións, asembleas e colectivos que asinamos este manifesto queremos facer un chamamento a todo o estudantado a defender o que é noso, e impedir que quede cada vez en menos mans.
O 26 de febreiro saímos á rúa contra os recortes no ensino, por unha educación popular, non patriarcal, galega, científica e de calidade!