xoves, 25 de xuño de 2015

Concentración o 30 de xuño contra a Lei Mordaza

Dende o CEL-FEL Coruña chamamos a participar na concentración do día 30 de xuño contra a coñecida como Lei Mordaza.

Compartimos este texto do periódico Diagonal cun resumo gráfico do que supón esta lei.

xoves, 30 de abril de 2015

1º Maio 2015


Este 1º de maio tomamos as rúas coa xente da CXT, CUT, Asemblea 15M Monte Alto, etc. pola toma das rendas da nosa vida e contra o traballo asalariado. Saída ás 12:30h da Praza de Pontevedra. Por un 1º de maio combativo!

luns, 23 de marzo de 2015

24M Apoio a CEL Compostela

Desta vez non apoiamos a folga estudantil na cidade porque entendemos que non é democrática ao non vir das asembleas e si das organizacións. Chamamos a acudir a Compostela o ‪#‎24M‬ e apoiar o movemento estudantil asembleario. Alí estaremos coas compañeiras de CEL Compostela!

venres, 13 de marzo de 2015

Charla-debate sobre a pasada folga do 26F


Este sábado 14 de marzo haberá charla-debate no CS Gomes Gaioso sobre a folga do 26 de febreiro. Analizarase a folga e a unidade no movemento estudantil xunto a máis organizacións.

martes, 10 de marzo de 2015

Asemblea para coordinar a resposta contra a represión ao estudantado en Pontevedra

Queremos axudar a difundir esta convocatoria que nos chegou ao correo:

Este martes 10 de marzo de 2015 convócase unha asemblea dirixida a todo o estudantado de Pontevedra, para coordinar unha resposta ante a represión contra os estudantes, en concreto contra a sanción de expulsión e uso e abuso das forzas policiais dun alumno no IES Torrente Ballester de Pontevedra, que aconteceu o pasado martes 3 de marzo, durante horario lectivo.

Os motivos da sanción que se impuxo sobre o alumno son que durante a folga estudantil do pasado mércores 25 de febreiro ,fíxose un acto informativo no IES Torrente Ballester, no que varios alumnos do centro repartiron panfletos informativos sobre a folga, e leuse o manifesto cun megáfono. A raíz disto, a dirercción decide sancionar ao alumno que portaba o megáfono con dous días de expulsión. Ante as reclamacións dirixdas contra a dirección, esta limítase a desestimalas sen máis explicación, e continua a expulsión. Así pois, o alumno decide interpor a solicitude de anulación cautelar da sanción, e acude ao seu centro para entregala e incorpórase a clase normalmente o día da expulsión. Ao non estar aberta a oficina de administración, a entrega de dita solicitude tíñase que pospoñer.

Xa na clase, a dirección pídelle que se marche, mais este limítase a continuar tomando apuntes e recibir a súa clase con normalidade. Porén, a dirección decide chamar a policía, dicindo que "unha persoa", non especifica que é un alumno do centro, négase a abandonar o centro. Así, dúas patrullas da policía nacional acuden ao mesmo, e proceden ao desaloxo forzoso do alumno, entrando na aula e arrastrándoo polo chan da mesma, ata que despois lévano en volandas ata o exterior do centro.

Ante este acto de repugnante parecido á represión franquista contra os estudantes, senon peor, chámase a toda aquela persoa que sinta esta agresión como propia, chámase entón a unha asemblea o martes 10 de marzo, ás 19:00 no salón de actos do Edificio dos Sindicatos de Pontevedra ( Rúa Pasantería 1, ao lado da praza da Ferrería). Aquí enlace coa súa localización:


Dicir que o centro continúa reprimindo ao alumno, e por extensión a todo o colectivo estudiantil, abríndolle un proceso disciplinario que pode dar lugar a unha sanción moito maior, e ademais expúlsano cautelarmente 3 días máis, para non perturbar o proceso instructor que se lle abre, mais non din en que medida este pode ser perturbado.

CONTRA A SÚA REPRESIÓN,
A NOSA SOLIDARIEDADE!

sábado, 31 de xaneiro de 2015

Comunicado da FEL '3+2 = insumisión'

O vindeiro 26 de febreiro o estudantado da Galiza sae á rúa contra un modelo de educación elitista e clasista e por un do pobo e para o pobo. Achegamos o comunicado da FEL sobre o Real Decreto Lei aprobado polo goberno do Estado: 
 
 
O goberno aprobou este venres 30 de xaneiro o Real Decreto Lei polo que se propón implantar o sistema 3+2 nas universidades públicas do Estado. O sistema 3+2 consiste en reducir os graos universitarios a tres anos completándoos cun máster de dous anos, no que sería unha nova fase de implantación das políticas do Espazo Europeo de Educación Superior que xa iniciuo o “Plan Boloña”, a conocida como Estratexia Universidade 2015 (EU2015), o plan do que se serviron os últimos gobernos para culminar a mercantilización e elitización da educación superior. Esta medida constitúe un aumento encuberto do prezo das taxas universitarias, xa que o prezo do curso de máster é substancialmente superior ao dun curso de grao.
Paralela a unha degradación dos contidos dos graos que obriga a cursas estes másteres encarecidos atopámonos cun avance da universidade-mercado, aumentando as taxas mentres se eliminan becas. Isto provoca ou ben o endebedamento do estudantado a través de becas-empréstamo ou a súa sistemática exclusión dunha universidade pública baleira de todo contido crítico. Un espazo que foi convertido nun centro de produción máis de mercadorías, no que se reforzan as relacións xerárquicas e o estudantado se converte nun mero consumidos e que nós reivindicamos como un lugar no que os saberes se compartan, libres dos límites da competitividade, ao servizo da construción dunha sociedade equitativa e solidaria.
Tamén plantexamos aos reitorados de todas as universidades públicas do Estado que se atopan ante un conflito que só ten dús resolución posibles: ou ben unha negatia firme a implantar esta medida nas universidades que xestionan ou unha dimisión inmediata pola súa incapacidade de continuar garantizando unha universidade pública ao alcance de todas as alumnas. Se colabora, a resposta, non xa do movemento estudantil, senón de todo [o pobo] no seu conxunto ha de ser de completa oposición a este proxecto. Que tean claro que nos van ter en contra.
A mellor resposta que podemos dar ante a xestión mercantil da educación é a construción de organización en toda a comunidade educativa, de forma que poidamos avanzar cara a un novo proxecto educativo que poña a educación baixo xestión comunitaria xunto con novas formas pedagóxicas no centro do debate.
Por isto mesmo, nós plantámonos xa dende a insumisión ante esta medida, manifestando que non aceptaremos a universidade que queren vendernos e chamando á organización nas facultades, a mobilización nas rúas e folgas como a do 26 de febreiro en Galicia. O conflito está presente, depende de nós presentar batalla ou meternos no seu novo redil.
Contra a educación do capital, loita social.
Tomar e facer en vez de pedir e esperar!
Arriba as que loitan!

venres, 9 de xaneiro de 2015

26F Folga estudantil unitaria



Manifesto unitario:

A través dun proceso de diálogo, debate e deliberación asemblearia, diferentes axentes estudantís que actúan en Galiza en defensa dun ensino para as clases populares, analizamos a necesidade de convocar unha folga estudantil no noso país.
Recortes, miseria e a cada vez máis falta de expectativas que as estudantes temos de cara ó noso futuro, son os motivos que nos levan a ter que saír á rúa e mobilizarnos para parar os ataques que dende os gobernos do Partido Popular en Madrid e na Xunta se levan a cabo contra o ensino público. Queremos reivindicar dende o local até o nacional, visibilizando e socializando entre as nosas compañeiras problemáticas que nos afectan no noso día a día nos centros de estudo, pero que veñen ditadas dende moi lonxe por poderes completamente antidemocráticos.
Queremos unha xornada de folga na que cunha soa voz berremos contra os recortes na educación, contra a masificación das aulas, contra a precarización da situación laboral do profesorado e contra que a universidade sexa cada vez máis un servizo que moi poucas podemos pagar. Opoñémonos xuntas a que nos quiten as bolsas, a que endurezan os requisitos para obtelas mentres recortan e deixan a campus e institutos en situacións dramáticas, cunhas infraestruturas avellentadas e cun profesorado que cada vez é menos e cunhas condicións de traballo máis duras.
Contra un ensino que cada vez nos custa máis pagar ás clases populares e cunha calidade cada vez menor, reivindicamos un ensino público e gratuíto. Reivindicamos o común como algo a  defender de xeito colectivo por todas as estudantes e polos milleiros que xa non o son porque non tiveron a oportunidade de acceder a unha bolsa.
Apostamos por liscar das aulas ao patriarcado,e por iso nos opoñemos a un goberno que fomenta con sumas indecentes de cartos aos colexios que segregan por sexos. Reivindicamos un ensino que nos eduque en igualdade, que sirva de motor para unha mudanza de valores que axuden a extinguir a opresión sobre as mulleres. Mentres eles impoñen relixión, negación do corpo e de nós mesmas e perpetuación de vellos valores, nós loitamos por unha educación en igualdade que nos axude a construír novas relacións.
O número de falantes da nosa lingua é cada vez menor, quedando reducido a 1 de cada 4 persoas que falan só galego entre os 9 e os 15 anos. O galego está a sufrir a súa peor crise da historia mentres o goberno autonómico se parabeniza pola harmonía e o bilingüismo imperante na nosa terra. Así, no ensino medio cada vez ensínase menos en galego e fálase de ridículos e insultantes decretos cos que imos rematar sabendo falar mal tres linguas. O idioma está en perigo, tanto no ensino como na sociedade, e nós, como estudantes galegas, reivindicamos un ensino monolingüe, no que se nos ensine a nosa historia e non se perda o noso pasado colectivo.
Por todo isto, as organizacións, asembleas e colectivos que asinamos este manifesto queremos facer un chamamento a todo o estudantado a defender o que é noso, e impedir que quede cada vez en menos mans. O 26 de febreiro saímos á rúa contra os recortes no ensino, por unha educación popular, non patriarcal, galega, científica e de calidade!

luns, 5 de xaneiro de 2015

Acción informativa 'Se tocan a unha, tócannos a todas.'

O día 3 de xaneiro de 2015 repartimos octavillas informando da situación das compañeiras detidas en Barcelona e Madrid con motivo da 'Operación Pandora'. Aquí o texto:

'O pasado 16 de decembro foron detidas compañeiras anarquistas, das cales sete están en prisión preventiva. Todo isto sen probas feacientes, requisando obxectos persoais (libretas, ordenadores, libros,...), en base a supostos. Estes acontecementos tiveron lugar no contexto da Operación Pandora.

Este espectáculo é a antesala da aplicación da Lei Mordaza, aprobada fai dúas semanas no Congreso dos Diputados. Esta lei prohibe grabar a policías, incluso se están 'escedéndose na súa actuación', e multa á xente que convoca manifestacións sen permiso do goberno (que é o que se soe facer). A aplicación dunha lei impopular e coercitiva vai sempre acompañada dalgunha medida policial e xudicial impactante, amplificada polos medios de comunicación, como ferramenta para xustificar a mesma, aproveitando o contexto de crise actual e facendo parecer que é necesaria.

Este é un procedemento máis para amedrentar ó pobo, que teme organizarse e loitar contra a opresión e entón ser tratado de igual modo que as represaliadas. Este medo, latente nas autoridades policiais, nos centros educativos e en pequenas medidas correctivas, é usado sistematicamente polas democracias representativas para controlarnos diariamente e manternos sumisas.

Porén, sendo o medo un método eficaz, podémolo superar mediante a unión, facéndolle frente: estendendo a axuda mutua, a solidariedade e a tenrura nas nosas vidas. O apoio mutuo e a autoxestión nas relacións económicas e afectivas é unha forma de vida alternativa que nos fai máis libres, e isto... dalle medo a eles, ós de arriba.

>> Loitamos por un mundo onde sexamos socialmente iguais, individualmente diferentes y totalmente libres.'