luns, 21 de abril de 2014

Manifesto feminista. Concentración feminista 18/4/'14

O pasado venres 18 de abril (Venres Santo) reunímonos no Obelisco contra o patriarcado criminal xunto con Revolta e AAC (Acción Antifascista Coruña). Aquí o manifesto:


MANIFESTO FEMINISTA:
Boas compañeirxs, unha vez máis reunímonos aquí para non deixar caer no esquecemento as mulleres mortas a mans da violencia machista. Nesta data sinalada no calendario da Igrexa Católica, seita que leva denigrando e infravalorando a muller durante séculos, chamamos a loitar contra esta represión inxustificada, a combater o patriarcado e a lograr a igualdade entre xéneros.

Un só día ao ano non é suficiente para recordar a todas aquelas loitadoras, coma as 120 mortas na fábrica de Nova York, e actualmente a morea de mulleres que padecen a violencia machista; A loita son os 365 días ao ano, e en cada festividade patriarcal coma estas festas estaremos aquí para recordalo.

Estamos fartxs de que dende que chegamos ó mundo se nos ensine a que o normal sexa que un ser humano teña que axustarse a un prototipo. Prototipos que implican ser un simple manequín cun determinado corpo e monicreques desta sociedade.

Non queremos ser meros manequíns na publicidade, onde moitas veces se nos representa nunha posición de inferioridade e dependencia, mostrando o noso corpo coma un obxecto sexual.

Non queremos escravas sumisas desta destrutiva sociedade que aínda nos fai crer que iso do machismo e a inferioridade da muller xa está erradicado. 

Non queremos os teus piropos, nin ser consideradas inferiores por ninguén, queremos o teu respeto e o teu apoio na loita por conseguir a verdadeira igualdade entre homes e mulleres.

Debemos loitar por un mundo onde sexamos socialmente iguais, humanamente diferentes e totalmente libres.

martes, 8 de abril de 2014

STOP REPRESIÓN!

Dende o Colectivo Estudantil Libertario (CEL) denunciamos a represión policial feita este pasado 7 de abril as estudantes compostelás detidas nunha redada policial.


Os feitos acontecidos nas protestas do cerco do 11 de marzo en Compostela, serviron á policía para xustificar a detención e represión da protesta social, atacando ás estudantes que nese momento decidiron solidarizarse coas mariñeiras na súa causa. A manifestación convocada por estes, tornouse primeiramente violenta, producíndose diversos disturbios, entre eles barricadas nas rúas.

As acusacións que dende a policía publican os medios de comunicación son falsas, en tanto que estas imputacións se basean en: “desordes públicos, atentado a axentes da autoridade, lesións e danos”. As estudantes non causaron os disturbios, no peor dos casos continuaron participando na manifestación, xunto cas mariñeiras, que foron as e os que combateron na manifestación. É curioso pensar que a policía desvincule ao sector naval da súa propia manifestación e acuse a grupos de "pertenza ao anarquismo e independentismo radical violento", unha actitude que só podemos fundamentar nunha vontade de reprimir e condenar a protesta social no eido estudantil compostelán que nos últimos meses se tornou combativa, rachando cos antigos e ineficaces modelos de loita. Un toque de atención co claro obxectivo de intimidar ao estudantado disposto a afrontar a grave situación de crise social que estamos a vivir.


As detidas, incomunicadas, retidas durante máis de 24 horas, a mercé da policía, están sufrindo as consecuencias do cinismo democrático que vivimos todos os días. Unha democracia que persegue e criminaliza, que marxina e condena, non está lexitimada para xulgar como elementos alleos e perversos as e ás súas propias fillas.


 É por isto que dende o CEL rexeitamos de plano a violencia estrutural que viven todos os días as clases populares, a criminalización dos que defenden os dereitos de estas e loitan por un mundo máis xusto. Solidarizamonos coa dor e o sufrimento das familias e pedimos a posta da liberdade sen cargos das detidas.




CONCENTRACIÓNS:

- A Coruña xoves 10 ás 20:30h no Obelisco
- Ourense mércores 9 ás 20.00h Subdelegación.
- Vigo mércores 9 ás 20h na farola de Urzáiz.
- Lugo martes 8 ás 20:30h na Praza Maior.
- Compostela xoves 10 ás 19h na Praza do Toural.