xoves, 20 de febreiro de 2014

Represión e censura no 20F

Dende a asemblea do CEL da Coruña queremos condenar a represión sufrida hoxe en Vigo e Compostela por parte da policía e mostrar o noso apoio ás detidas e á xente que loitou nas rúas e plantou cara ás 'forzas de inseguridade'. Tamén queremos informar da manipulación por parte da emisora Radio Coruña Cadena SER, a cal editou as declaracións na manifestación dun compañeiro eliminando a parte na que facía referencia ao sistema e á necesidade da autoxestión.

Animamos ao estudantado a organizarse e a incrementar as mobilizacións para así construir un mundo novo libre de opresores e oprimidos. Adiante a xuventude combativa!

Manifestación da Coruña (via galizacontrainfo.org )

martes, 18 de febreiro de 2014

20F: Folga Estudantil

O sector educativo está a sufrir os efectos das políticas neoliberais, as cales pretenden privatizar e mercantilizar a educación. Isto débese á vontade das clases privilexiadas de obter máis beneficios así como de perfeccionar a labor de adoutrinamento ideolóxico para manter a súa orde social.

Coa LOMCE pretenden profundizar na privatización, dogmatización, centralización, verticalización, mercantilización e segregación por sexos da educación.

Este modelo de educación que se quere impor tamén ten plans para a universidade. A redución das bolsas e axudas así como á suba das taxas só é o principio xa que a Estratexia Universidade 2015 pretende mercantilizar a universidade ao, entre outras medidas, deixar que as empresas financien ata o 65% do orzamento universitario, pondo á universidade ao servizo do capital no canto do servizo social.
Por estes motivos, animamos a todo o sector educativo a que este próximo 20 de febreiro secunde a folga para demostrar así o noso rexeitamento ao seu modelo de educación.

Dende o Colectivo Estudantil Libertario (CEL) chamamos ao estudantado a que se organice e loite por unha educación pública, en galego, científica, antidogmática, gratuíta e popular xestionada por docentes e estudantes, no socialismo libertario.