domingo, 12 de outubro de 2014

Folga 21-22-23 outubro

Unha vez máis chamamos a acudir á folga convocada polo Sindicato de Estudantes cunha postura crítica, denunciando a actitude desta organización e na procura de radicalizar a loita avogando pola autoxestión, a horizontalidade e a acción directa.

Non aceptamos o colaboracionismo da burocracia estudantil representada no Sindicato de Estudantes, o cal convoca folgas de xeito simbólico e sen ter en conta ás asembleas e o conxunto do estudantado. É un sindicato desmobilizador, 'vendeestudantes' e traidor que non dubida en expulsar das manifestacións ou agredir á xente (por ex: Madrid - 27/3/'14).

Como na nosa propaganda dicimos, por mor do noso desexo de comunicar a nosa concepción social: ''Loitamos por unha educación autoxestionada que permita o desenvolvemento tanto físico como intelectual do estudantado dentro dunha sociedade comunista libertaria''. A curto plazo pretendemos acadar a derrogación da LOMCE e a EU2015 como obxectivo principal. Para isto colaboramos con outros colectivos que non sexan simplemente estudantís nas nosas accións. Á súa vez, isto servirá para a creación dun movemento emancipatorio nos nosos barrios e pobos.

A manifestación será o mércores 22 de outubro ás 12h con saída da Praza da Palloza. Ao remate da mani haberá unha asemblea aberta. Agardámoste para loitar por unha educación libre e deixar claro que o Sindicato de Estudantes non nos representa!



domingo, 28 de setembro de 2014

Charla sobre a LOMCE (2 de outubro)

O vindeiro 2 de outubro ás 19:30h daremos unha charla sobre a LOMCE no Campo de Marte convidadas polo '15M de Monte Alto'. Aquí deixamos un texto do que será a devantida charla:  

O Colectivo Estudantil Libertario da Coruña está na continua loita por unha educación libre dentro dun sistema comunista libertario. O Estado español, unha vez máis impón máis duramente o seu sistema neoliberal dentro do ámbito educativo. Estamos a referirnos á nova lei educativa: a LOMCE.

Cales son as principais consecuencias da súa aplicación?

    . Perfecciona as fábricas de asalariadas que son os centros educativos. O goberno afirma que a educación é “un motor que promove a competitividade da economía (...) unha aposta para conseguir vantaxes competitivas no mercado global”. 

    . Os centros serán financiados segundo o seus resultados, convertindo a cada centro nun foco competitivo. Desta forma, saen perdendo as escolas de barrios obreiros, onde o estudantado ten que compaxinar a miúdo os estudos co traballo.

    Aparece a figura de “axentes privados”, que desenvolven funcións de regulación, financiación ou prestación do servizo educativo. O que ven sendo, agora as empresas privadas determinarán os programas educativos segundo os seus intereses comerciais.

    . A educación privada-concertada sae beneficiada. En primeiro lugar, recibirá subvencións, favorecendo así á Igrexa Católica, que ten no seu poder o 80% destas. Tamén se dá cobertura á segregación por sexos nas escolas, fortalecendo máis ó patriarcado na nosa sociedade. En segundo, esténdense os tramos educativos de educación obrigatoria do ensino privado (como a nova formación profesional básica).

    . Atenta contra a participación democrática da comunidade educativa nos centros. O Consello escolar queda relegado a funcións consultivas e as funcións decisorias do centro quedan concentradas nunha dirección unipersoal que decida a Administración.

    . Dende o Estado imporanse múltiples probas para poder seguir estudando, sen ter en conta o esforzo do alumnado. Así aumentará o fracaso e abandono para incorporarse ó mercado laboral, pasando a ser man de obra barata. Estas probas comezan a calificar ós alumnos dende os 13 anos, cando poden acceder a distintos programas que califican a produtividade:

    a) Programas especiais dende os 13-14 anos para o estudantado que non se adapte ó sistema educativo, titulando de forma diferente ó resto.
    b) Ciclos de Formación Profesional Básica ós 15 años, tendo repetido algún curso, que non dan acceso directo á FP de grado medio nin se titula na ESO.
    c) Dous itinerarios en 4º de ESO, con titulacións diferenciadas que conducen a FP ou Bacharelato.


Capital, Estado, Igrexa, patriarcado... fóra das nosas aulas!

Panfleto do curso 2014/2015

luns, 15 de setembro de 2014

Concentración martes 16 'Alfon liberdade!'

Chamamos ao estudantado a acudir á concentración do martes 16 (20h no Obelisco) para apoiar a Alfon e exixir que non entre no cárcere. Alfon liberdade! STOP represión!

Saímos á rúa por Alfon e por todas aquelas que están na súa situación e son vítimas da represión estatal. Basta xa de montaxes policiais, de malleiras, de multas e encarceramentos... basta xa da súa xustiza burguesa! Fora policía dos barrios e pobos!


sábado, 19 de xullo de 2014

26 de xullo - Charla sobre o CEL en Betanzos

O vindeiro sábado 26 de xullo estaremos en Betanzos na presentación do CSO Vista Alegre para dar unha charla sobre o CEL:


sábado, 12 de xullo de 2014

Manifestación contra a represión 12/7/'14

No CEL vivimos o que é a represión recentemente coa detención dun compañeiro da asemblea de Compostela polas protestas dos mariñeiros do cerco de fai uns meses. Esta represión fai que acrecentemos a loita e a mobilización, pois este é o único camiño de acadar unha sociedade libre e sen clases sociáis.
Dende a  'Plataforma contra a represión' convócase a sair en manifestación o sábado 12 ás 20h dende a Praza de María Pita. Nos non faltaremos, e ti?



mércores, 25 de xuño de 2014

Xornadas da Revolta (26 e 27 de xuño)

O xoves 26 participaremos nas Xornadas da Revolta cunha charla sobre pedagoxía libertaria que será ás 16h no local da CNT. Animamos a acudir a esta e a todas a charlas destas xornadas organizadas por Revolta e nas que colaboran diversas organizacións da cidade:



mércores, 4 de xuño de 2014

Concentración en defensa dos espazos autoxestionados (13/6/'14)


Convocamos xunto coa asemblea anticapitalista Revolta unha concentración en defensa dos espazos autoxestionados e en solidariedade con Can Vies (Barcelona), La Madreña (Uviéu), La Traba (Madrid),etc.

xoves, 22 de maio de 2014

Vota a ninguén!

Mentres a clase obreira sofre os problemas do capitalismo, mentres as mulleres e as persoas LGTBI sofren a opresión heteropatriarcal, mentres migrantes son reprimidas por nacer noutro lugar, as forzas electorais non teñen outra cousa que facer que chamarnos a acudir ás urnas para ter representación nun parlamento inútil e burgués.

Dende este, é imposible resolver nada, xa que mentres exista unha minoría privilexiada como é a burguesía, esas eleccións son ilusorias e antidemocráticas. A representación actual é unha ficción, xa que para a clase obreira é imposible controlar ás persoas que din que lle representan, e unha vez que adquiren o seu escano, van deixando de lado os seus ideais en contra das oprimidas para favorecer aos grupos dominantes, é dicir, acaban por corromperse. É por iso, que nun sistema onde a explotación e a desigualdade están á orde do día, as forzas que din representar ao pobo están corrompidas e ao servizo dunha minoría privilexiada.

A institución da actual UE, non é máis que unha reproducción do Estado, e como tal, é sinónimo de dominación, corrupción, represión e opresión. As políticas que esta favorece e as invasións imperialistas que fomenta, son boas probas disto. Do mesmo xeito que o Estado, a actual UE só pode estar ao servizo da clase capitalista.

É por iso, que dende o CEL Coruña chamamos á abstención, co fin de cuestionarnos o actual sistema imperante. Somos conscientes de que todo cambio só pode vir da organización e da loita, e como tal, cremos que estas son o único camiño para avanzar cara unha Europa e un mundo libres e igualitarios, nos que desapareza toda forma de dominación (Estado, capitalismo e heteropatriarcado) e que garantan a libre autoderminación dos pobos. Un mundo que só pode organizarse mediante o socialismo libertario, que implica unha organización baseada na democracia directa, asemblearia e federal. Unha forma de xestión que garante a participación de todos os individuos.

Contra toda forma de dominación!

Loitar, crear, poder popular!

venres, 9 de maio de 2014

Manifesto 1º de maio

O día 1º de maio protestouse diante do Hotel Meliá María Pita onde tiña lugar a presentación do partido VOX. Queremos aproveitar para denunciar a manipulación por parte do diario 'El Ideal Gallego' no artigo 'Militantes de la CNT protestan ante el Hotel Meliá donde Vox celebraba un acto electoral' onde criminalizan ao movemento libertario acusando á CNT de incidentes que non ocorreron. Pois é mentira que militantes da CNT participaran, que a protesta fose pola presencia de Ortega Lara e que se tratase de entrar no edificio para discutir con el. 


Velaquí o manifesto:

Entre os días 1,2, 3 e 4 de maio de 1886, case medio millón de obreiros estadounidenses comezan unha loita polos seus dereitos. Entre outras cousas, pola xornada laboral de 8 horas.
O día 2, á saída dos esquirois, a policía dispara a queimarroupa, asasinando polo menos a 6 persoas e ferindo a varias decenas.
O día 4, nun acto permitido polas autoridades de Chicago, a policía carga contra os obreiros. Unha bomba de orixe descoñecido mata a un policía, e fere a varios manifestantes e policías. Este acto será utilizado como excusa para abrir lume contra os manifestantes indiscriminadamente. Tras esta matanza, e cos donos das fábricas ao límite, o estado de Illinois emprende accións legais contra 31 figuras da loita obreira. Violándose numerosas normas penais e cunha feroz campaña da prensa burguesa son condenados a morte oito activistas: George Engel, Adolf Fischer, Albert Parsons, August Vincent Theodore Spies, Louis Lingg, Michael Schwab, Oscar Neebe e Samuel Fieldman. Os 5 primeiros morrerían na forca, demostrándose despois que Parson nin sequera estaba presente. Lingg morre no seu presidio, ao facer explotar un cartucho de dinamita cunha cabicha. A posteriori, algúns historiadores coinciden en que Linng foi executado de tal maneira que semellara un suicidio, transmitindo á xente a mensaxe de que as anarquistas só obedecen ás bombas, incriminando así aínda máis, tratando de relacionalo ca bomba de Haymarke. Samuel Fielden y Michael Schwab foron condenados a cadea perpetua, mentres que Oscar Neebe cumpriu 15 anos de traballos forzosos.

Outro exemplo de represión é a loita das compañeiras da Triangle Shirtway, en 1911. Estas encerráronse na fábrica para reclamar os seus dereitos. O patrón, non só non cedeu, senón que bloqueou as saídas do edificio. Un incendio fortuíto causou a morte de 146, por asfixia ou calcinación.

O partido VOX ten a cara de presentarse o 1º de maio, na Coruña. Unha nova burla ás obreiras por parte da burguesía. Este partido sae do máis rancio da dereita, demostrando novamente a servidume dos políticos ó capital: un curioso sentido da liberdade individual, unha defensa á ultranza da propiedade privada, así como un estado que defenda os intereses das empresas, non só as nacionais, coma cabería de esperar polo seu exacerbado patriotismo; senón, tamén das grandes multinacionais co seu europeísmo.
Para lograr os seus obxectivos, non dubidarán en aumentar o dogmatismo nas escolas, cunha única proposta que representa a reafirmación de todas as atrocidades cometidas contra o desenrolo infantil e xuvenil tanto físico como intelectual; así como aumentar a reificación da muller, reducíndoa a figurante e incubadora, baixo o pretexto de “defender a vida”.

Hoxe, 1º de maio chamamos a recordar, non só ós mártires de Chicago e ás traballadoras da Triangle Shirtway, senón a todas as vítimas do terrorismo capitalista, tanto asalariadas coma non.

AVANTE A AUTOXESTIÓN, O ANTIDOGMATISMO E O ANTIAUTORITARISMO!
CONTRA O CAPITAL: PODER POPULAR!

mércores, 7 de maio de 2014

Apoio á manifestación contra as obras da Mariña

Dende o CEL Coruña chamamos a acudir á manifestación convocada pola plataforma 'Non ás obras da Mariña' para este sábado día 10 de maio ás 19h na Mariña (sairá dende diante de Turismo).

A corrupción é algo inherente ao capitalismo, e por iso berramos: Pola paralización das obras da Mariña! Contra o capitalismo!

luns, 21 de abril de 2014

Manifesto feminista. Concentración feminista 18/4/'14

O pasado venres 18 de abril (Venres Santo) reunímonos no Obelisco contra o patriarcado criminal xunto con Revolta e AAC (Acción Antifascista Coruña). Aquí o manifesto:


MANIFESTO FEMINISTA:
Boas compañeirxs, unha vez máis reunímonos aquí para non deixar caer no esquecemento as mulleres mortas a mans da violencia machista. Nesta data sinalada no calendario da Igrexa Católica, seita que leva denigrando e infravalorando a muller durante séculos, chamamos a loitar contra esta represión inxustificada, a combater o patriarcado e a lograr a igualdade entre xéneros.

Un só día ao ano non é suficiente para recordar a todas aquelas loitadoras, coma as 120 mortas na fábrica de Nova York, e actualmente a morea de mulleres que padecen a violencia machista; A loita son os 365 días ao ano, e en cada festividade patriarcal coma estas festas estaremos aquí para recordalo.

Estamos fartxs de que dende que chegamos ó mundo se nos ensine a que o normal sexa que un ser humano teña que axustarse a un prototipo. Prototipos que implican ser un simple manequín cun determinado corpo e monicreques desta sociedade.

Non queremos ser meros manequíns na publicidade, onde moitas veces se nos representa nunha posición de inferioridade e dependencia, mostrando o noso corpo coma un obxecto sexual.

Non queremos escravas sumisas desta destrutiva sociedade que aínda nos fai crer que iso do machismo e a inferioridade da muller xa está erradicado. 

Non queremos os teus piropos, nin ser consideradas inferiores por ninguén, queremos o teu respeto e o teu apoio na loita por conseguir a verdadeira igualdade entre homes e mulleres.

Debemos loitar por un mundo onde sexamos socialmente iguais, humanamente diferentes e totalmente libres.

martes, 8 de abril de 2014

STOP REPRESIÓN!

Dende o Colectivo Estudantil Libertario (CEL) denunciamos a represión policial feita este pasado 7 de abril as estudantes compostelás detidas nunha redada policial.


Os feitos acontecidos nas protestas do cerco do 11 de marzo en Compostela, serviron á policía para xustificar a detención e represión da protesta social, atacando ás estudantes que nese momento decidiron solidarizarse coas mariñeiras na súa causa. A manifestación convocada por estes, tornouse primeiramente violenta, producíndose diversos disturbios, entre eles barricadas nas rúas.

As acusacións que dende a policía publican os medios de comunicación son falsas, en tanto que estas imputacións se basean en: “desordes públicos, atentado a axentes da autoridade, lesións e danos”. As estudantes non causaron os disturbios, no peor dos casos continuaron participando na manifestación, xunto cas mariñeiras, que foron as e os que combateron na manifestación. É curioso pensar que a policía desvincule ao sector naval da súa propia manifestación e acuse a grupos de "pertenza ao anarquismo e independentismo radical violento", unha actitude que só podemos fundamentar nunha vontade de reprimir e condenar a protesta social no eido estudantil compostelán que nos últimos meses se tornou combativa, rachando cos antigos e ineficaces modelos de loita. Un toque de atención co claro obxectivo de intimidar ao estudantado disposto a afrontar a grave situación de crise social que estamos a vivir.


As detidas, incomunicadas, retidas durante máis de 24 horas, a mercé da policía, están sufrindo as consecuencias do cinismo democrático que vivimos todos os días. Unha democracia que persegue e criminaliza, que marxina e condena, non está lexitimada para xulgar como elementos alleos e perversos as e ás súas propias fillas.


 É por isto que dende o CEL rexeitamos de plano a violencia estrutural que viven todos os días as clases populares, a criminalización dos que defenden os dereitos de estas e loitan por un mundo máis xusto. Solidarizamonos coa dor e o sufrimento das familias e pedimos a posta da liberdade sen cargos das detidas.




CONCENTRACIÓNS:

- A Coruña xoves 10 ás 20:30h no Obelisco
- Ourense mércores 9 ás 20.00h Subdelegación.
- Vigo mércores 9 ás 20h na farola de Urzáiz.
- Lugo martes 8 ás 20:30h na Praza Maior.
- Compostela xoves 10 ás 19h na Praza do Toural.






luns, 31 de marzo de 2014

Comunicado conxunto sobre Folga Estudantil 26M e 27M e o SdE

Revolta e o CEL Coruña decidimos secundar dunha maneira crítica a folga convocada en todo o Estado español polo Sindicato de Estudantes para os días 26 e 27 de marzo e acudimos á manifestación da Coruña que tivo lugar ás 12:00h na Praza da Palloza o día 27 de marzo.

 Non consideramos esta folga tal e como está plantexada nin un avance nin unha ferramenta de loita para a clase obreira senón como un elemento desmobilizador. Desmobilizadora como as múltiples folgas convocadas polo SdE nas que non se ten en conta ao estudantado e nas que non se logra nada máis que dar un paseo, minando a moral dos que acuden a estas manifestacións. Tamén queremos sinalar que todo aquel que non fai o que o SE ordena nas súas manifestacións debe aterse ás consecuencias, como ser expulsado da manifestación (algo que lle ocorreu á CNT en Madrid o 27 de marzo de 2014) ou que chamen á policía se a xente decide pasar á acción (como en Vigo na folga do 20 de novembro de 2013).

O SdE é unha organización cunha estrutura totalmente vertical e que percibe decenas de miles de euros en subvencións por parte do Estado español, curiosa forma de combater ao Estado e de ser revolucionario a do SdE. Tanto pola súa ideoloxía reformista como por estes lazos, o SdE non ten ningunha intención de suplantar o sistema de explotación capitalista, sistema que só poderá superarse mediante o estalido revolucionario.

Na pasada manifestación do día 27 berramos alto e claro o que é o Sindicato de Estudantes con consignas como: “Sindicato do Estado, mercenarios e chivatos”.

POR UN MOVEMENTO ESTUDANTIL COMBATIVO E DE CLASE!

mércores, 19 de marzo de 2014

#17M Resistimos!

 O luns 17 de marzo concentrámonos ás portas do CSO Palavea para resistir ao desaloxo fixado para ese día a partir das 12h. A xornada transcucrriu sen incidentes agás unha vez que a Policía Nacional ameazou con cargar se persistía o corte da N-550 que estábamos a realizar. Finalmente non houbo desaloxo pero hai que estar cos ollos ben abertos pois poden voltar en calquera momento. OKUPA E RESISTE!





GalizaContrainfo [FOTOS]: 'Non ao desaloxo do CSO Palavea (A Corunha)'

GalizaContrainfo [VíDEO]: 'Non ao desaloxo: CSO Palavea resiste! (A Corunha, 17.03.2014)'

venres, 14 de marzo de 2014

Non ao desaloxo de Palavea!

Queren desaloxar o CSO Palavea! Dende a asemblea de CEL Coruña facemos un chamamento á defensa de Palavea ante o posible desaloxo este luns 17 de marzo. Non só defendemos un edificio, defendemos unha idea e unha alternativa ao sistema capitalista.
O vindeiro luns 17 ás 10h vémonos nas portas do centro social (Rúa río Quintas 31. Xunto a OH! Coruña. Buses 1A, 20, 22). Agardámoste!



Aquí o comunicado da asemblea do CSO Palavea:

'Dende a asamblea do CSO Palavea queremos difundir o seguinte comunicado:

O Xulgado acaba de fixar a data límite para que abandonemos o edificio do Centro Social Okupado de Palavea. O vindeiro luns 17 de marzo a partir das 12 hs a policia nacional poderá desaloxar este espazo liberado que moitos de vos coñecedes.

Dende a asamblea da okupa facemos un chamamento ós rebeldes e solidarios a que veñades a resistir connosco contra os envites do capitalismo depredador, na súa procura de rematar co noso proxecto autoxestionado en aras da especulación urbanística e dos intereses financeiros dos ricos e poderosos. Por iso chamamos a ACUDIR O LUNS 17 ÁS 10:00 Á PORTA DO C.S.O. PALAVEA A RESISTIR CONTRA O DESALOXO deste o noso (e o voso) espazo liberado.

Para festexar a nosa rebelde desobediencia desenvolveremos dende agora e ata rematar esta fin de semana as Xornadas de Resistencia, con variadas actividades lúdicas, concertos, encontros e palestras. E xusto ao remate das mesmas, na mañá do luns, prantaremos cara xunt@s aos envites da xustiza do capital.

OKUPAMOS E RESISTIMOS

CONTRA O ESTADO E O CAPITAL, LOITA SOCIAL!!!'


'Xornadas de Resistencia'

sábado, 8 de marzo de 2014

Alerta Feminista! '8M Día da Muller Traballadora'

O día 8 de marzo é o 'Día da Muller Traballadora', pero é un día máis xa que a loita é os 365 días do ano. Unha loita que non deixa nin un segundo para descansar. No que levamos de ano foron asasinadas 18 mulleres polo simple feito de ser mulleres. Non podemos ficar paradas ante os ataques diarios que as mulleres estamos a sufrir, sexan malleiras, insultos ou actitudes babosas ou paternalistas.

Entendemos que a educación é fundamental para construir un mundo no que non teñan cabida este tipo de comportamentos. Unha educación igualitaria na que todas sexamos donas das nosas vidas e tomemos decisións libremente sen ser tratadas de maneira distinta por ser mulleres.


Ante estos ataques chamamos a encher as rúas e combater o patriarcado. Acudiremos á manifestación que sairá este domingo día 9 ás 12h da estación de tren de Compostela. Por un feminismo de clase e combativo!

xoves, 20 de febreiro de 2014

Represión e censura no 20F

Dende a asemblea do CEL da Coruña queremos condenar a represión sufrida hoxe en Vigo e Compostela por parte da policía e mostrar o noso apoio ás detidas e á xente que loitou nas rúas e plantou cara ás 'forzas de inseguridade'. Tamén queremos informar da manipulación por parte da emisora Radio Coruña Cadena SER, a cal editou as declaracións na manifestación dun compañeiro eliminando a parte na que facía referencia ao sistema e á necesidade da autoxestión.

Animamos ao estudantado a organizarse e a incrementar as mobilizacións para así construir un mundo novo libre de opresores e oprimidos. Adiante a xuventude combativa!

Manifestación da Coruña (via galizacontrainfo.org )

martes, 18 de febreiro de 2014

20F: Folga Estudantil

O sector educativo está a sufrir os efectos das políticas neoliberais, as cales pretenden privatizar e mercantilizar a educación. Isto débese á vontade das clases privilexiadas de obter máis beneficios así como de perfeccionar a labor de adoutrinamento ideolóxico para manter a súa orde social.

Coa LOMCE pretenden profundizar na privatización, dogmatización, centralización, verticalización, mercantilización e segregación por sexos da educación.

Este modelo de educación que se quere impor tamén ten plans para a universidade. A redución das bolsas e axudas así como á suba das taxas só é o principio xa que a Estratexia Universidade 2015 pretende mercantilizar a universidade ao, entre outras medidas, deixar que as empresas financien ata o 65% do orzamento universitario, pondo á universidade ao servizo do capital no canto do servizo social.
Por estes motivos, animamos a todo o sector educativo a que este próximo 20 de febreiro secunde a folga para demostrar así o noso rexeitamento ao seu modelo de educación.

Dende o Colectivo Estudantil Libertario (CEL) chamamos ao estudantado a que se organice e loite por unha educación pública, en galego, científica, antidogmática, gratuíta e popular xestionada por docentes e estudantes, no socialismo libertario.




sábado, 18 de xaneiro de 2014

Comunicado: Efecto Gamonal

  A organización, a solidariedade e a acción directa das veciñas do barrio de Gamonal (Burgos) acadou unha nova vitoria para a clase traballadora conseguindo que Javier Lacalle, alcalde do PP, paralizara de maneira definitiva o proxecto de construción dun bulevar na Rúa Vitoria.

  Onte saímos ás rúas en apoio ao pobo burgalés para deixar ben claro que a súa loita é a nosa loita. A manifestación transcurriu con normalidade ata que ao remate da mesma a policía cargou no Obelisco cando quedaba pouca xente deixando varias feridas. Denunciamos a actuación das forzas represoras e solidarizámonos cas detidas e feridas ao longo da xornada de onte no Estado español.

 Desde a asemblea de CEL Coruña apelamos a organización e a estender as accións e mobilizacións. A loita é o único camiño!


Manifestación pola Rúa Real
Chegando á Praza de María Pita (via @Eloytp)




















    

domingo, 12 de xaneiro de 2014

17-18: Manifestación e Xornadas Antifascistas

  Faise importante a unión e a organización do pobo para frear o continuo avance do fascismo no eido social. A crise capitalista é caldo de cultivo para o xurdimento de organizcións e colectivos desta índole, as cales procuran medrar estendendo o odio ás persoas inmigrantes, homosexuais e calquera que pense diferente a eles. É por iso que desde CEL Coruña chamamos a acudir ás Xornadas Antifascistas que terán lugar o sábado 18 no CSO Palavea.

  
  Por outra banda acudiremos xunto con Revolta á manifestación 'contra a lei do aborto e as leis represivas' e en apoio a Gamonal do 17 de xaneiro (20h no Obelisco) convocada por Acción Antifascista Coruña.